Friday 03 de May de 2024

O PSOE de Ordes propón unir a Vila de Ordes coa estación da Pontraga a través dunha senda peonil e un carril bici


Os deputados provinciais de Obras, José Manuel Pequeño, e Promoción Económica, José Luís García, comprobaron sobre o terreo os beneficios que esta infraestrutura traería para a seguridade viaria dos veciños de Parada

Os socialistas de Ordes pretenden unir a Vila de Ordes coa área recreativa da estación da Pontraga a través dunha senda peonil e dun carril bici, que darían comezo á altura do cemiterio e tanatorio municipal do Balado. “Deste xeito conseguiríamos un dobre beneficio xa que aumentaríamos a seguridade viaria dos veciños e veciñas dos lugares da Grela, A Igrexa, O Pazo e O Castro que se acheguen ata o cemiterio ou cara a Vila de Ordes; ao tempo que conectamos a capital municipal coa principal área recreativa do municipio, poñendo así en valor eses 5.000 m2 de zona verde en cuxa recuperación se investiron máis dun millón de euros”, explica Verónica Gómez Fuentes, voceira municipal do PSOE ordense.

Así llelo transmitiron os socialistas de Ordes ao deputado responsable de Infraestruturas Viarias, Vías e Obras provinciais e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño Castro; e ao deputado de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luís García García. Ambos deputados socialistas reuníronse con membros da Agrupación Socialista de Ordes para coñecer sobre o terreo este proxecto, orzamentado en menos de 200.000 euros.

A nova infraestrutura tería unha lonxitude de 2,8 quilómetros, entre o acceso ao cemiterio municipal de O Balado (onde rematan as beirarrúas de conexión coa Vila de Ordes) e a localidade da Grela, na parroquia de Parada, e iría paralela á estrada DP-5903 entre Ordes e Portomouro por Pontechonia, pola súa marxe esquerda. O carril bici continuaría outros novecentos metros pola estrada DP-5903 ata chegar á entrada da área recreativa da Pontraga.

Seguridade e ocio

Os deputados provinciais socialistas puideron comprobar sobre o terreo e de voz dos propios veciños os riscos que supón calquera desprazamento a pé pola zona, xa que a meirande parte do percorrido téñeno que facer pola propia estrada, xa que non dispón de arcén transitable. Unha situación que se viu agravada coa desaparición da conexión por autobús coa capital municipal, polo que á veciñanza da Grela, A Igrexa, O Pazo e O Castro só lles quedan dúas opcións para desprazarse ata o cemiterio municipal ou ata a Vila de Ordes: ir en coche propio ou arriscarse a ir a pe.

Verónica Gómez explicoulles aos deputados provinciais que “ademais de mellorar a seguridade viaria destes veciños de Parada, con esta senda peonil conseguiríamos unir a área verde da Pontraga coa Vila de Ordes, poñendo así en valor unha área recreativa na que se investiron máis dun millón de euros e que, a pesar de ser un recuncho natural privilexiado está a todas luces infrautilizado pola veciñanza de Ordes”. De feito, tanto José Manuel Pequeño como José Luís García salientaron as múltiples posibilidades de ocio que ofrece a área recreativa da Pontraga, con 5.000 m2 de zonas verdes a carón do río Lengüelle, e ofreceron a súa colaboración para a súa posta en valor.

Gasto “con sentidiño”

A voceira do PSOE de Ordes fixo fincapé en que a proposta socialista prevé un gasto aproximado inferior aos 200.000 euros, fronte ao millón de euros orzamentado polo Goberno do Partido Popular. Verónica Gómez indicoulles aos deputados provinciais que “cando presentamos a moción para que o Concello fixera un proxecto de senda peonil entre O Balado e A Grela, aceptamos retirar a nosa proposta de gasto por indicación do PP, que despois fixo un proxecto no que reclamaba un millón de euros para esta senda peonil”.

Gómez Fuentes indica que “pedir un millón de euros para unha senda peonil de menos de tres quilómetros é un auténtico disparate por parte do alcalde de Ordes, que unha vez maís volve a antepoñer os seus intereses de partido ao benestar da veciñanza de Ordes. Que unha senda de 200.000 euros pase a custar un millón só ten unha explicación: o alcalde non quere facer esta obra pero pretende botarlle a culpa á Deputación”. Neste sentido, a voceira socialista ordense é clara: “a nós encantaríanos que a Deputación investira ese millón de euros en Ordes, pero pensamos que con 200.000 euros chega perfectamente para a senda e preferimos que os outros 800.000 euros se destinaran a paliar outras necesidades que ten a veciñanza de Ordes”.

Mesón do Vento

Finalmente, os deputados provinciais aproveitaron a súa visita a Ordes para achegarse tamén ata o Mesón do Vento, onde a Deputación da Coruña está a licitar unha senda peonil na estrada provincial CP-2405, entre a zona de Orellán de Abaixo e A Brea, tal e como solicitaran os socialistas de Ordes en xaneiro e en decembro de 2013. Un tramo de menos de dous quilómetros, entre os puntos quilométricos 5+820 e 7+510, que permitirá dar continuidade á berarrúa xa existente entre o Mesón do Vento e Orellán, ao tempo que daría máis seguridade tanto aos peóns como aos ciclistas que transitan por esta zona, que conta cunha grande intensidade de tráfico ao comunicar á N-550 coa planta de Sogama, a central térmica de Meirama e Cerceda.